"Mulleres pontevedresas na rede II. Análise do discurso de odio e outras violencias contra xornalistas e políticas"
Descrición
Internet conta cun papel central nas sociedades contemporáneas. O elevado volume de accesos e a súa intensidade converteuna nun espazo de socialización dotando os seus contidos e relación dun carácter performativo.
A idea inicial da Rede como un espazo horizontal, que racharía coas relación de poder patriarcais, pronto se revelaría utópica. En Internet perpetúanse as desigualades e violencias do mundo offline con tendencia á invisibilización e acoso contra as mulleres.
O desenvolvemento e penetración dos social media non só supuxo un pulo para a mobilización das mulleres, tamén incrementou exponencialmente o fluxo de ideas e información antifeminista a través de grupos, plataformas e fronteiras xeográficas. Este ciberantifeminismo, como o denomina Bonet-Martí (2021), ten como trazos característicos a súa extrema misoxinia e a súa proclividade aos ataques persoais.
Nos últimos anos as plataformas sociais e, especialmente, Twitter téñense revelado territorios de crecente hostilidade para as mulleres. Estudos como o de Frenda et al. (2019) puxeron de manifesto a toxicidade desta plataforma social dado o seu carácter público, que lle aporta visibilidade, e o suposto anonimato da comunidade usuaria, que potencia o «efecto desinhibición» (Suler, 2004). Asemade, o estudo «Mulleres pontevedresas na rede. Análise do discurso, micromachismos e discurso de odio en Twitter» (Martínez-Rolán e Piñeiro-Otero, 2020) subliñou unha maior toxicidade nas mencións directas ás mulleres usuarias, con especial incidencia e virulencia nas dirixidas a comunicadoras e políticas, facéndoas partícipes (a elas e á súa comunidade) dos insultos, comentarios negativos e ataques. Neste mesmo traballo detectouse que dúas de cada tres mencións directas «negativas» non tiñan como obxecto as propias mulleres senón o seu colectivo de pertenza.
Se, como sinala Christina Hanhardt en Safe Space (2013), a procura dunha seguridade colectiva require unha análise profunda respecto de quen ou que constitúe unha ameaza e por que, resulta esencial coñecer as prácticas que converten a tuitesfera nun ambiente tóxico contra as mulleres e, en especial, contra xornalistas e políticas; profesionais esenciais nas sociedades democráticas.
Obxectivos
-
O obxecto deste proxecto é o de coñecer a presenza e manifestacións do discurso do odio, misoxinia e sexismo ás que teñen que facer fronte mulleres xornalistas e políticas na Rede. Dito obxectivo concrétase nos seguintes obxectivos específicos:
- Analizar a presenza e manifestacións de discurso do odio, misoxinia e sexismo na conversa social en torno a mulleres referentes da comunicación e política en Twitter.
- Detectar posibles diferenzas neste tratamento en función do ámbito de referencia (profesional-espacial) destas mulleres e o seu posicionamento (político-feminista).
- Sinalar temáticas que suscitan unha maior polarización así como a súa presenza no discurso destas mulleres en Twitter atendendo ao seu ámbito de referencia e posicionamento.
- Determinar diferenzas na presenza e manifestación do discurso do odio -frecuencia, virulencia e contido- na tuitesfera en torno a perfís masculinos «homólogos».
- Afondar na incidencia e manifestacións do discurso do odio e outras formas de violencia machista en liña ás que se enfrontan as mulleres xornalistas e políticas na súa vida cotiá, mecanismos de protección e a súa vida persoal e profesional.
Adicionalmente proponse:
- Establecer unha comparación entre o tratamento que reciben as mulleres xornalistas e políticas de Pontevedra-Galicia-España na conversa 2.0 en Twitter con profesionais «homólogas» da esfera latinoamericana.
- Desenvolver unha web así como un podcast divulgativo para a difusión dos resultados do proxecto, incluíndo unha visualización de datos de carácter interactivo, así como doutros estudos e boas prácticas que podan aportar unha ollada enriquecida en torno aos fenómenos analizados.
- Elaborar, como resultado transversal da análise, unha micro-guía de boas prácticas na Rede para sensibilizar e previr respecto ás manifestacións desta violencia machista dixital.
Metodoloxía
- Selección de +/- 20 mulleres referentes, da política ou xornalismo, con conta activa en Twitter (40% delas vencelladas á provincia de Pontevedra), e +/- 20 varóns que, polo posto, entidade de pertenza ou notoriedade, poidan considerarse equiparables.
- Selección de +/- 10 políticas e xornalistas en Twitter, de ámbito latinoamericano, con perfís similares á mostra principal.
- Un ano da conversa social -tuits, mencións directas/indirectas- en torno a ditas contas.
*A selección da mostra terá en conta a pertenza de políticas e xornalistas vencelladas á provincia de Pontevedra.
- Revisión sistemática de literatura relativa á violencia online contras as mulleres en xeral e, concretamente, contra mulleres do ámbito do xornalismo e a política.
- Análise cuantitativa. Análise de contido da conversa social a partir do lexicón de 204 termos «odiosos» do proxecto anterior (Martínez-Rolán e Piñeiro-Otero, 2020). Análise lingüística para detectar expresións análogas do español latinoamericano.
- Análise cualitativa. Medición de sentimento. Análise crítica do discurso multimodal (Kress, 2010) a partir da pirámide do odio da Anti-Defamation League (actitudes prexuiciosas, actos prexuiciosos, discriminación, violencia, feminicidio); a categorización de misoxinia online de Anzovino, Fersini e Roso (2018; estereotipo e obxectivación, dominio, descarrilamento, acoso sexual e ameaza de violencia, e desacreditación); e o sexismo ambivalente (hostil-benévolo) de Glick e Fiske (1996).
- Entrevista semiestructurada a mulleres xornalistas e políticas para afondar nas súas vivencias e percepcións respecto ás violencias machistas online. Tamén se baralla a posibilidade de incluír un grupo de discusión
Impacto da investigación na promoción da igualdade de xénero
O presente proxecto pretende analizar a incidencia e manifestacións do discurso do odio, a misoxinia e o sexismo na conversación social en torno a mulleres xornalistas e políticas. Ademais de coñecer os nesgos de xénero na conversa en Twitter ao redor destas profesionais -obxecto de maior toxicidade nas redes- o estudo busca afondar na realidade deste fenómeno: as formas de violencia machista online ás que se enfrontan xornalistas e políticas no seu día e día e como afectan a súa vida persoal e profesional.
Segundo Ferrier (2018) este fenómeno debe entenderse nunha loita de poder con inxerencia do discurso do odio, misoxinia e falsas narrativas para intimidar, desacreditar e silenciar a estas profesionais. Se temos en conta labor esencial de xornalistas e políticas na loita e visibilización de determinadas realidades e perspectivas, esenciais para o desenvolvemento de sociedades máis xustas e democráticas, o ataque estas profesionais constitúe un ataque directo á igualdade de xénero.
Neste senso cómpre afondar na toxicidade á que se enfrontan as mulleres xornalistas e políticas de forma cotiá na conversa social en Twitter como na Rede, e o seu impacto, para buscar formas de revertela de cara a unha sociedade máis igualitaria.
De conseguir o desenvolvemento dunha ferramenta para a análise automatizada da conversación social tería unha aplicación directa na análise e intervención do discurso do odio tanto por comunidade investigadora como por entidades públicas e sociais.
A creación dunha micro-guía de boas prácticas e a súa difusión busca a sensibilización- prevención contra o discurso do odio, misoxinia e sexismo online, así como fomentar una conciencia crítica respecto á falsa dicotomía entre area virtual-real.
Neste cometido de visibilizar e sensibilizar respecto ás desigualdades e violencias de xénero na Sociedade Rede ademais da difusión académica vaise promover a divulgación do proxecto e dos seus resultados entre a cidadanía, coa creación dunha web centrada na interactividade e podcast.