O proxecto

Descrición

Unha recente enquisa da BBC Sport puxo de manifesto que case un terzo das deportistas de elite británicas sufrían acoso en redes sociais. A resposta do medio de comunicación foi endurecer a súa loita contra o discurso do odio nas canles sociais.

O acoso ao que se vén sometidas as mulleres deportistas na area dixital supón un exemplo das actitudes e situacións ás que diariamente se enfrontan miles de usuarias das redes sociais.

A normalización do discurso do odio en Internet é alarmante e perigoso, máxime de ter en conta o papel esencial que os social media detentan na formación das persoas (Persey e Lambe, 2016). Esta forma de violencia –que se exerce de forma máis ou menos explícita- afecta especialmente ás mulleres nas súas interaccións online.

Ademais das actitudes hostís, explicitamente negativas, que recoñecemos como propias do discurso do odio contra as mulleres, este amosa unha “sombra alongada” nos social media facéndose presente en interaccións e comentarios aparentemente neutros (Becker y Wright, 2011) e incluso positivos, disfrazándose de apoio ou humor (Ford e Boxer, 2011). Seguindo a teoría do sexismo ambivalente, formulada por Glick e Fiske (1996), a análise do discurso do odio fai precisa a identificación tanto do sexismo hostil como o “benévolo”, máis sutil, pero igualmente pernicioso.

Tomando como base a pirámide do odio da Anti-Defamation League, (abaixo), proponse unha análise dos tuits emitidos por cincuenta mulleres de recoñecido prestixio na esfera pública on e offline (vinte delas vencelladas á provincia de Pontevedra), e das interaccións recibidas, empregando o análise de contido (termos empregados, uso de linguaxe multimodal e contidos propios das redes como memes ou hashtags) e de discurso crítico como métodos de investigación.

Obxectivos

  • Analizar o discurso do odio contra as mulleres en Twitter. A súa presenza e manifestación atendendo á teoría do sexismo ambivalente de Glick y Fiske (1996).
  • Detectar as principais manifestacións tanto do sexismo hostil como do sexismo benevolente.
  • Sinalar temáticas que provocan unha maior polarización así como a súa presenza no discurso de mulleres atendendo ao seu ámbito de referencia (profesional e espacial).
  • Afondar en posibles diferenzas na interacción –virulencia e contido- respecto a perfís masculinos “homólogos”.

Adicionalmente proponse:

– Desenvolver unha medición de sentimento sobre os comentarios vertidos sobre esas personalidades nos últimos 12 meses e detectar o discurso do odio vinculado a cuestións de xénero, xa non so como respostas directas ás propias usuarias, senón mencións indirectas (falar dunha persoa sen citala polo seu usuario nesta rede social) sobre as usuarias.

– Afondar nunha ferramenta que permita automatizar a análise de contido específica do discurso de odio contra as mulleres en lingua galega, na liña de traballos como o de Frenda et al. (2019) ou o de Jha e Mamidi (2017), que posibilite a automatización da análise en sucesivas investigacións.

– Elaborar, como resultado transversal da análise, un breve manual de boas prácticas na rede para evitar os micromachismos e as formas nas que se manifesta o discurso intolerante cara ás mulleres.

Metodoloxía

Selección das 50 mulleres máis representativas con presenza en Twitter, 20 delas vencelladas á provincia de Pontevedra.

Para os perfís homólogos de homes fixarase unha mostra representativa trala selección das 50 mulleres.

A acotación temporal das mencións – directas e indirectas – e interaccións fixase para os últimos 12 meses

Análise cuantitativa. Análise do discurso, estudo sistemático do discurso como unha forma da lingua e da comunicación, no caso deste proxecto, da comunicación dixital. Explórase nesta metodoloxía a análise lingüística, por un lado, e a análise da conversación, por outro.

Análise cualitativa. Análise crítica do discurso, proposta por van Dijk, que analiza as relacións sociais establecidas a través do uso da linguaxe, na procura de relacions de poder, asimetría ou manipulación das inequidades estruturais entre interlocutores

Raspado web (web scraping) dos datos de redes sociais (Twitter). Para eliminar a limitación técnica imposta pola API de Twitter (límite temporal de 7 días) empregarase un script de python – Twint – que permite o raspado desta rede social sen autenticación contra a plataforma, eliminando o límite temporal e numérico de tuits (ultrapasando o límite de 3200 tuits por procura).

Isto require da instalación dunha máquina virtual sobre un equipo físico que conteña a configuración dos scripts e comandos precisos para executar as consultas e gardado dos datos en formatos axeitados para o seu tratamento (csv, json ou similares).

Análise estatística con Graphext con xeración de informes gráficos.

Análise cualitativa con  Tableau ou Nvivo con xeración de gráficas

Outras ferramentas de análise textual

Impacto da investigación na promoción da igualdade de xénero

Este proxecto de investigación procura concretar os sesgos existentes no tratamento e conversación social coas mulleres, a partir da ánalise das interaccións sociais en cincuenta perfís de mulleres representativas dos seus ámbitos de actuación.

A través da revelación das desigualdades no tratamento e o discurso do odio, tanto de carácter hostil como aquel que se agocha en actitudes paternalistas o humor, preténdese dar un paso a prol da igualdade. O primeiro paso para corrixir un problema é manifestar a súa existencia e describilo con rigor.

Se se consigue o desenvolvemento da ferramenta, podería dar lugar a automatización desta análise, pudendo ter importantes resultados para investigación e sociedade, en tanto que se buscaría a forma de poñela a disposición da comunidade investigadora non so como metodoloxía, senón como ferramenta.

Do mesmos xeito, a guía de boas prácticas será un recurso posto para toda a sociedade, que busca evitar os micromachismos e as formas nas que se manifesta o discurso intolerante cara ás mulleres. De especial interese resultaría difundir estes resultados entre a mocidade.

Este proxecto, ademais,  conta cunha parte adicada á difusión de resultados que terá un forte impacto na promoción da igualdade de xénero: a través da páxina web e podcast previstos, os investigadores pretenden chegar a varios públicos: o xeral, para que coñezan o proxecto, e os medios de comunicación,  que obterán información sobre o proxecto para que elaboren as súas pezas informativas.

A difusión de resultados propón unha actividade síncrona e presencial coorganizada entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo: un encontro con tuiteiras para darlle visilibidade non so aos resultados,  senón ás súas experiencias con esta temática na rede (non necesariamente redes sociais). Un evento aberto ao público – se as condicións así o permiten – e emitido en streaming para quen queira seguilo